O BNG pide explicacións tras a sentenza que anula a repotenciación do parque eólico do Roncudo

BNG

O BNG mostrou a súa satisfacción por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que dá amparo a un recurso de tres veciños que protestaron pola repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Corme, no concello de Ponteceso. A sentenza non é firme e aínda cabe recurso por parte da Xunta. Así, o Bloque rexistrou no Parlamento de Galicia a solicitude de comparecencia “urxente” do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde.

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, afirmou que a Xunta actúa como unha “xestoría” das grandes eléctricas e para isto leva 12 anos modificando as normas que regulan o sector como; a Lei de aproveitamento eólico,  a Lei de iniciativas empresarias, tamén chamada “Lei de depredación” e a modificación da Lei de reactivación económica no 2021, co fin de favorecer ás empresas, eliminar os prazos e reducir as garantías de control e supervisión, por parte da administración.

O Bloque presentará unha serie de iniciativas para reclamar unha nova planificación eólica que respecte o medio natural e os  habitantes do rural galego.