O BNG pide medidas para conservar e pór en valor o patrimonio industrial da antiga baleeira de Caneliñas

  • A antiga factoría baleeira de Caneliñas está situada na parroquia de Ameixenda, no Concello de Cee.

O BNG vén de pedir á Xunta de Galiza que adopte, de forma urxente, medidas para protexer e conservar as estruturas do patrimonio industrial da antiga factoría baleeira de Caneliñas, situada na parroquia de Ameixenda en Cee, para previr a seguridade das persoas e dos bens, así como actuacións para pór en valor todo o seu conxunto. Nesta liña, o BNG de Cee xa ten reiterado en varias ocasións a necesidade de actuar no complexo situado en Caneliñas.

A través dunha iniciativa no Parlamento galego do deputado Oscar Insua, os nacionalistas tamén instan ao goberno galego a que a Dirección Xeral de Patrimonio realice un estudo exhaustivo de dito patrimonio industrial nas instalacións que aínda se conservan en Caneliñas.

A formación nacionalista sinalou que o antigo complexo industrial, coa baleeira e coas construcións dedicadas ás salgaduras de mediados do século XX, foi incluído no catálogo de bens de valor cultural no litoral, publicado recentemente no DOG do 28 de outubro deste mesmo ano. E indicaron que na descrición da factoría baleeira afírmase que se atopa nun avanzado estado de deterioro, nos que só quedan os muros, con varias perdas da cuberta de fibrocemento, así como oxidación estrutural e fisuras nos muros de carga.

O BNG apuntou que “tan só nunha das catro fichas do catálogo proponse a restauración dando prioridade á interpretación histórica e a posta en valor didáctica; nas outras tres proponse a conservación, consolidación e restauración dos bens, sen vinculalos propiamente a ese valor histórico e industrial que debera prevalecer”.

O portavoz municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez, manifestou que “Caneliñas é a xoia da coroa desde hai anos e por iso é algo que nos preocupa profundamente; queremos que se conserve o patrimonio que está presente no catálogo recén publicado, máis tamén que se tomen medidas extraordinarias sobre el e sobre o que quedou sen catalogar;. cómpre lembrar a importancia do lugar a nível paisaxístico, medioambiental, xeolóxico, etc”.

O voceiro nacionalista insistiu en que “Caneliñas debe quedar libre de calquera  agresión urbanística, e de haber proxectos, privados ou públicos, estes deben ser respectuosos coa contorna; non debemos permitir que unha paraxe única sexa pasto das malas prácticas de hai anos. É imprescindible preservar Caneliñas porque por si sóa é un patrimonio de todas e todos”.

Related posts

A Deputación da Coruña reivindica en Rianxo a vixencia do legado moral, cultural e político de Castelao

Cee acolleu o acto de homenaxe a Concha Seoane, «a alma de Aspadex»

O Concello de Ponteceso impulsa a mellora integral da rúa Voluntariado, en Corme Porto, reforzando a rede viaria e o saneamento