O BNG pide no Parlamento a rexeneración da praia de Laxe tras as constantes acumulacións de area

2 minutes read
  • Os nacionalistas afirman que é necesaria unha solución definitiva para un problema que afecta a hostaleiros, comerciantes e embarcacións

O deputado do BNG, Daniel Pérez, visitou a vila de Laxe para comprobar in situ os problemas que segue presentando o areal debido ás intervencións de Portos de Galicia no dique do porto en 1988. Estas actuacións produciron cambios patentes na propia dársena, na praia e mesmo na morfoloxía do lugar. En concreto, as obras modificaron as correntes, provocando o arrastre de grandes cantidades de area cara a parte occidental da praia, creando barreiras visuais para os establecementos de hostalería e comercio así como problemas na rede de saneamento.

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa dos deputados Daniel Pérez López, Luis Bará Torres e Rosana Pérez Fernández, presentaron unha Proposición non de lei, para o seu debate en Pleno, instando á Xunta a que execute este ano unha actuación de rexeneración para devolver a praia de Laxe ao seu perfil orixinario distribuíndo a area que por acumulación creou un novo campo dunar. Tamén solicitan que o Goberno galego ultime unha acción coordinada co Estado para buscar unha solución técnica definitiva (en base a un proxecto de remodelación do porto) ao problema provocado pola alteración das correntes do porto de Laxe.

Por outra banda, os nacionalistas tamén rexistraron unha pregunta para resposta oral na Comisión 8ª do Parlamento. Entre as formulacións, o BNG quere saber se o Goberno galego considera que o dragado esporádico é a mellor solución para solventar de xeito definitivo os problemas de maniobrabilidade das embarcacións, e se ademais ten pensado adoptar algunha medida para recuperar a funcionalidade do porto de abrigo de Laxe.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?