O BNG pide no Parlamento galego que o centro de saúde da Laracha dispoña de consultas médicas polas tardes

1 minutes read

Fíxoo a través dunha iniciativa do deputado responsábel da comarca de Bergantiños, Oscar Insua, para que a Xunta dote ao centro de atención primaria do municipio dun servizo de consultas médicas ordinarias en horario de tarde. Os nacionalistas explicaron que no centro de saúde da Laracha precísase crear como mínimo unha praza máis de médico e outra de enfermaría en dita franxa horaria.

“Os profesionais que prestan os seus servizos na actualidade están xa bastante saturados e atopámonos con esperas de varios días, algunhas veces unha semana ou máis, para unha cita normal co médico de cabeceira”, afirmou a portavoz municipal do BNG, Carolina Castiñeiras, que lembrou que se trata “dunha demanda histórica no único concello de toda a área sanitaria da Coruña, con máis de 10.000 habitantes, onde non hai consultas ordinarias en horario de tarde”.

Castiñeiras sinalou que seguirán coa campaña de recollida de sinaturas que iniciaron o pasado decembro para que sexa atendida a súa demanda, e indicou que a veciñanza poderá firmar nos distintos establecementos e locais comerciais do municipio.

Ademais, a voceira nacionalista subliñou que tampouco existe a posibilidade de facer trámites administrativos en horario de tarde nin no centro da Laracha nin no Consultorio de Caión, “polo que faise necesario establecer outra praza de persoal de servizos xerais”.

Desde o BNG apuntaron que a posta en marcha dunha quenda de tarde na atención primaria da Laracha “axudaría a conciliar mellor a vida laboral e familiar, pois evitaría que moitas persoas teñan que pedir días de permiso ou agardar ás vacacións para poder acudir ao médico, ademais de que reduciría as listas de agarda”.