O BNG pide no Parlamento unha actuación urxente sobre a Lagoa de Traba de Laxe

Traba_Turismo de Laxe.

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa dos deputados Daniel Pérez López e Luis Bará Torres, presentaron unha Proposición non de lei para debate na Comisión 2ª, sobre a situación da Lagoa de Traba, en Laxe, Espazo Natural Protexido e inscrito na Rede Natura 2000, cunha ampla riqueza a nivel ornitolóxico e vexetal.

Actualmente, o río de Traba e o rego de Vao que constitúen a afluencia fluvial á lagoa, presentan as súas ribeiras sen mantemento e do mesmo xeito o regato polo que a mesma lago desauga amosa un exceso de matogueira por sobrecrecemento vexetal. Esta situación provoca unha serie de problemas a todo o entorno deste ecosistema. O primeiro é que a lagoa perde en biodiversidade ao non manter o réxime hidrolóxico natural debido á colonización vexetal descontrolada que estanca a auga de río e regatos do sistema lacunar. E o segundo, e non menos grave, é que as fincas colindantes á lagoa pasan a meirande parte do ano asolagadas constituíndo un grande problema para o cultivo e mantemento das mesmas, e un perigo para a veciñanza á hora de utilizar maquinaria agrícola permitida nas súas propiedades.

Á vista do estado actual da Lagoa de Traba, é urxente e necesaria unha actuación por parte da administración competente, que non é outra que a Xunta de Galiza. O feito de non levar a cabo labores previas de conservación durante anos coadxuvaron na degradación actual deste ecosistema único e na perda constante de biodiversidade. Unha actuación imprescindible que, ao tempo que recupere a lagoa, resolva o grave problema de asolagamentos que sofren as fincas circundantes, que condiciona, dificulta ou mesmo impide o cultivo e mantemento das mesmas. Realizar esas labores habituais supón, a día de hoxe, un perigo para a veciñanza cando emprega maquinaria agrícola permitida nas súas propiedades.

Por elo, o BNG insta o Goberno galego a adoptar con urxencia as medidas necesarias para restablecer o réxime hidrolóxico natural do conxunto Lagoa-Dunas de Traba, acometendo a limpeza das ribeiras dos ríos Traba e Vao e do regato de desaugue da Lagoa de Traba, e todo isto co obxectivo de recuperar e conservar a Lagoa e posibilitar, ao tempo, as actividades socioeconómicas e patrimoniais da veciñanza de Traba de Laxe nas fincas circundantes.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño