O BNG pide prudencia porque máis do 80% da poboación non completou a vacinación


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fai un recoñecemento aos galegos e as galegas que de xeito maioritario tiveron un comportamento exemplar durante a pandemia, o que permite agora iniciar unha desescalada. Pide sen embargo prudencia e non baixar a garda, “posto que aínda queda moito camiño por facer e máis do 80% da poboación continúa sen inmunizar coa dose completa de vacinación”. “Ese esforzo colectivo permite afrontar esta cuarta onda con cifras moderadas, pero hai que manter a precaución mentres o nivel de vacinación non sexa maioritario para evitar pasos atrás”, recalcou. Neste contexto, Pontón formula unha dobre proposta dirixida ao presidente da Xunta, que a mobilidade con Galicia se limite a aquelas persoas que procedan de territorios cun nivel de contaxios igual ou inferior ao deste País, e que se suprima a discriminación horaria entre os diferentes locais de hostalaría.