O BNG pide que a Xunta adquira competencias sobre os ríos e encoros galegos


Fíxoo a través da deputada Noa Presas, quen avanzou que o BNG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar que a Xunta adquira a competencia sobre a xestión de todos os ríos e encoros galegos, co obxectivo de «cambiar os problemas de fondo» no ámbito enerxético. Presas explicou que, á súa consideración, non ten «sentido ningún» que os ríos «dependan de decisións que se toman desde Madrid a máis de 500 quilómetros», xa que os da conca Miño-Sil dependen da Administración estatal. A deputada defendeu a postura do Bloque co «escándalo das eléctricas» despois de «récords continuos» no prezo da luz mentres «o baleirado dos encoros (Belesar, Salas, Cenza e As Portas) alcanza cifras históricas». Ademais, acusou á Xunta e ao Goberno central de manter un « pim pam pum» que é «estéril» á conta desta polémica.