O BNG elixiu a data do 20N para explicar ante o Pazo de Meirás as propostas de futuro para este simbólico espazo agora que enfila o tramo final da súa recuperación para o pobo galego, un logro que considera histórico e que atribúe a loita democrática de moitos colectivos, asociacións, institucións e persoas a título individual.
“É un orgullo a loita democrática e de dignidade dada pola sociedade galega para conseguir pechar un dos pozos negros do franquismo”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen tamén lazou unha advertencia ao Goberno de Feijóo: “non imos permitir ningún tipo de branqueo do franquismo a través do Pazo nin de ningunha outra maneira, nin tampouco que se afonden nas teses negacionistas que quere impoñer desde Madrid a extrema dereita e tamén unha parte da dereita”.
A líder nacionalista anunciou tres compromisos do Bloque: traballar en todos os ámbitos para recuperar os bens roubados polo franquismo, recuperación para uso público do Pazo de Meirás e dotar a Galiza dunha política pública de memoria histórica democrática que faga xustiza ás vítimas da ditadura.