O Bloque Nacionalista Galego insistiu na comparecencia do Ministro Salvador Illa na Comisión de Sanidade na necesidade de medidas máis contundentes para unha maior eficacia de todo o operativo de contención e control da epidemia. Entre elas, a distribución masiva e gratuíta de máscaras a toda a poboación, a xeneralización de test para identificar máis rapidamente e poder illar os positivos e fornecer de EPIs todo o persoal que debe traballar nunha zona de risco.
O deputado Néstor Rego subliñou a falta de previsión do Goberno á hora de adquirir, stokcar ou fabricar material básico para o control da epidemia, imprevisión agravada polo caos e ineficacia posterior na xestión e distribución deste material. Mais insistiu en que, máis de un mes despois da declaración do Estado de alarma, non hai escusa para non poder contar cos materiais necesarios. “Entendemos que a estas alturas, despois das medidas adoptadas, o goberno debe estar en condicións de garantir que se xeneralice o uso de máscaras”.
Rego foi crítico Tamén coa demora na adopción de medidas como reducir o IVE das máscaras, (“non para particulares” –destacaba Rego-) ou fixar un prezo máximo para materiais como luvas, máscaras ou solución hidroalcohólicas. Para o deputado do BNG “é necesario que o Goberno distribúa masivamente e de forma gratuíta máscaras a toda a poboación”, especialmente relevante nos centros de traballo.