A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este venres á Xunta de Galicia que aprobe unha «gratificación extraordinaria» para o persoal sanitario, «como compensación polo risco de contaxio e o esforzo que están a levar a cabo durante esta crise do coronavirus».
«O persoal sanitario non só merece o aplauso que os cidadáns lle están dando desde as xanelas e os balcóns: hai que recoñecerlles o esforzo tamén desde a administración», sinalou Pontón.
Así mesmo, a líder nacionalista pediu «garantías» de que o persoal «vai ter os equipos de protección necesarios» e de que «se vai poñer fin á precariedade», xa que «o mellor aplauso que se lles pode dar aos traballadores da sanidade pública é defender os seus dereitos e defender unha sanidade sen recortes nin privatizacións».