O Bloque Nacionalista Galego valorou positivamente a saída de Enrique López Veiga da presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo, segundo as informacións que anticipan o seu cesamento no posto. A fronte nacionalista demandou en reiteradas ocasións o seu relevo, mais demanda unha mudanza de maior alcance na orientación da entidade.
«A xestión de López Veiga foi nefasta para a cidade, para a actividade portuaria e especialmente para a industria naval. Pero o problema non se resolve cun cambio de caras, senón que urxe un xiro radical na orientación da Autoridade Portuaria», valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas lamentou que o Partido Popular volva utilizar a Autoridade Portuaria como unha especie de «senado local» ao que destinar antigos altos cargos do partido. O edil urxiu unha «mudanza profunda».