A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou a posición do BNG en relación ás medidas anunciadas polo Goberno central que cualifica de necesarias pero insuficientes porque son “curtopracistas” e non resolven o problema de fondo: que a enerxía é un ben esencial sometido á especulación é ao lucro privado cando debería ter un control público.
Neste sentido, a líder nacionalista pide ó Executivo de Pedro Sánchez que sexa “valente” e adopte as medidas que se necesitan para que, unha vez máis, a crise “non a paguen as maiorías sociais”. Por exemplo, argumentaba, os 20 céntimos de baixada nos carburantes non só resultan insuficientes senón que xa hai estacións de servizo que incrementaron en 30 céntimos o prezo dos combustibles.
A líder do Bloque insiste na intervención pública do mercado enerxético para fixar prezos máximos, así como en que hai que subir os impostos ás eléctricas, seguindo a máxima de que aporte máis quen máis ten e para que contribúan a pagar as consecuencias dunha crise coa que se están lucrando multinacionais como Iberdrola, Naturgy, Endesa ou Enagás. “Gravalas cun imposto especial a favor da maioría social”, recalcou.
Pontón fixo esta valoración tras a reunión coa Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), coa que analizou a situación do sector da pesca, estratéxico na economía galega en termos de aportación ao PIB e de creación de emprego.