O BNG presenta 170 propostas para a comisión de reactivación e acusa o PPdeG de boicoteala

BNG.

O BNG rexistrou este venres 170 propostas para a comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia que leva “meses paralizada” despois de que botara a andar o pasado setembro co obxectivo de que os traballos finalizasen antes do mes de xaneiro de 2021. En conferencia de prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou as propostas da súa formación fronte á intención do PPdeG de “boicotear” esta comisión do mesmo xeito que fixo coa comisión de investigación das caixas de aforro, “nun claro intento de anular o Parlamento”. “Tanto o PP como o goberno da Xunta utilizaron esta comisión como unha pantalla, como un simulacro porque a súa oferta de diálogo nunca foi sincera como demostra o feito de que apenas reservan migallas do orzamento para os proxectos da comisión e que nove meses despois da súa constitución non se avanzou nada”, denunciou a líder do Bloque.