O deputado autonómico Daniel Pérez, acompañado do responsable comarcal do BNG de Bergantiños, Marcos Trigo, e da concelleira carballesa Milagros Lantes, presentaron este xoves no Rexistro do Concello de Carballo as alegacións á liña de alta tensión (LAT) que serviría de evacuación do parque eólico de Monteagudo, e que afectaría tamén aos concellos limítrofes de A Laracha e Arteixo.
O prazo de alegacións estaba aberto dende o mércores 20 de xullo e remataba este 1 de setembro. As alegacións e observacións oportunas foron dirixidas á sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Dende o BNG afirman que neste proxecto, a LAT Monteagudo-Morás ‘está moi próxima a outras liñas existentes, polo que parece razoábel e lóxico que se teñan en conta as infraestruturas existentes, para así evitar duplicidades de trazados, costes e posíbeis afeccións e impactos innecesarios sobre o territorio’.
En último caso, de non ser así, ‘a solución idónea, tal como se prevía no proxecto orixinario, sería o soterramento da totalidade da LAT Monteagudo-Morás, o que permitiría eliminar o impacto paisaxístico e medioambiental que, sen dúbida, supoñen os tendidos aéreos’.
A poboación máis próxima á LAT ao seu paso polo Concello de Carballo é o núcleo de Borrazás, a menor distancia detectada é aproximadamente de 250 m ao contorno do núcleo. Sen embargo, no proxecto non se avalía a distancia dos apoios da liña de alta tensión ás vivendas e núcleos de poboación.
En concreto no que se refire a campos electromagnéticos xerados pola instalación, cumprirase cos estándares e recomendacións da OMS ao respecto, prevendo medidas protectoras ou correctoras e plan de seguimento.
Dentro das alegacións tamén se contemplan outros aspectos de tipo medioambiental e arqueolóxico, como son os ríos existentes no trazado ou a protección dun hórreo e dous muíños moi próximos.