O BNG presenta ao “equipo ideal” para seguir transformando Carballo a vangarda de Galicia

  • O PP “prefire seguir coa cantinela desa trola reiterada de que vou renunciar” para non ter que explicar a discriminación de Carballo dende as institucións que goberna, dixo Evencio Ferrero

O BNG presentou este luns no Pazo da Cultura ás 31 persoas que integran a candidatura para as eleccións municipais, “o equipo ideal para seguir transformando o concello no que nacemos e no que sempre vivimos, e que desde o 2003 temos a moi honrosa responsabilidade de gobernar. Persoas -dixo Evencio Ferrero- dispostas a traballar para mellorar Carballo, porque o mellor está por vir”.

O alcalde e candidato á reelección agradeceu a xenerosidade e o apoio das 30 persoas que o acompañan nesta nova etapa para seguir transformando o noso concello, que xa é “un concello vivo, dinámico, con iniciativa, moi saneado economicamente, sen ningunha débeda coas entidades financeiras, con proxectos de futuro, con actividades innovadoras en cultura e exemplares no deporte, con atención preferente a moitas familias con necesidades, cun polígono industrial que é o que máis demanda de solo ten de toda Galiza… Un concello cun ordenamento urbanístico que nos permite deseñar o Carballo do futuro, con plans especiais para o noso litoral de Razo e Pedra do Sal. Queremos seguir sendo referente en toda a Costa da Morte e que tamén sexamos referente en Galiza. E en Carballo hai futuro porque tamén hai moita xente nova con moito empuxe como vedes na nosa candidatura, con máis equipo e máis ideas”.

Evencio Ferrero Rodriguez.

O BNG ten o mellor equipo para gobernar Carballo. Sábeo ben o presidente provincial do PP, que iniciou a campaña “pretendendo vender medo e trolas”. Diego Calvo, engadiu Evencio Ferrero, “prefire seguir coa cantinela desa trola reiterada de que vou renunciar” para non explicar o abandono de Carballo desde as institucións gobernadas polo PP. “Podía explicar -engadiu o alcalde- por que cando foi presidente da Deputación non se fixo un só metro da travesía de Sísamo na que si se avanzou no actual mandato, algunha explicación debería dar, ou tamén podería explicar porque variou o PP coa súa presidencia os criterios de reparto de fondos provinciais para favorecer ás tres grandes cidades que hai catro anos gobernaban na provincia (Coruña, Santiago e Ferrol) e que tanto perxudicaron ao resto dos concellos por suposto a Carballo e moito, en varios millóns”.

Pero non, os populares están máis preocupados en saber quen sucederá a Evencio Ferrero no futuro. “Hai moitas personas válidas en Carballo para asumir esa responsabilidade, pero neste acto pido a vosa complicidade para que nunca sexa un candidato do PP e non volva nunca a dereita da desfeita”, manifestou.

O alcalde de Carballo agradeceu o apoio popular que vén recibindo o BNG dende o 2003 e agarda que ese apoio se traslade ás eleccións xerais para “conseguir que Galiza volva a ter voz”.

Presentación de Inés Rodríguez

Inés Rodríguez, responsable local do BNG de Carballo, encargouse da presentación do acto. “Eu nacín en setembro de 1982, igual que o BNG, así que…. está claro que non podía ser doutro partido”, comezou. Naquel 1982, no que tamén se celebraron eleccións xerais, gobernaba a dereita en Carballo. A dereita do complexo deportivo da Grela, do parque infantil de tráfico que nunca chegou a facerse, das contribucións especiais para calquera obra que se fixera, a que aquel ano subiu o recibo da auga un 60%, a que deixou que pechase a comisaría da Policía Nacional.

Así era o concello “do que di sentirse tan orgulloso o que daquela era concelleiro de Seguridade, hoxe candidato do PP. Esperemos que non queira recuperar o modelo. Eles queren vendernos que calquera tempo pasado foi mellor, pero nós sabemos que non, que o mellor está por vir”.

Inés Rodríguez.

“Carballo -rematou Inés Rodríguez- xa é un bo lugar para vivir grazas á ilusión, á dedicación e ao traballo colectivo de todas e cada unha das persoas que formaron parte das nosas candidaturas nos últimos 16 anos. Pero queremos que sexa aínda mellor, e por iso hoxe presentamos ao mellor equipo para afrontar os retos que nos presenta o futuro. Un equipo sólido que reforzamos aínda máis con novas incorporacións, con máis proxectos, máis gañas, máis experiencia e máis savia nova. Un equipo de carballesas e carballeses orgullosos do noso pobo. O equipo que vai gañar as eleccións do 26 de maio”.

Intervención de Xoán Sande

No acto desta noite tamén interviu o larachés Xoán Sande, candidato ao Congreso dos Deputados, que presentou aos candidatos e candidatas do BNG nos concellos de Bergantiños e insistiu na necesidade de que o BNG teña voz en Madrid “para defender os intereses de Galiza e para frear á dereita retrógrada”.

Xoán Sande Muñíz

CANDIDATOS ÁS ALCALDÍAS DE BERGANTIÑOS

Cabana: David Cancela

Carballo: Evencio Ferrero

Coristanco: José Antonio Andrade

A Laracha: Xoán Sande

Laxe: Xosé Manuel Pose

Malpica: Daniel García Reixía

Ponteceso: Carlos Penedo

CANDIDATURA DE CARBALLO

1 EVENCIO FERRERO RODRÍGUEZ 2 BELÉN LENDOIRO ESPMORÍS 3 XOSÉ REGUEIRA VARELA 4 MILAGROS LANTES SEARA 5 JUAN SEOANE 6 MARUXA SUÁREZ COTELO 7 LUIS MARIA LAMAS ÁLVAREZ 8 MARIA CARMEN URES GARCÍA 9 MARCOS TRIGO 10 MARÍA MAR EIRÍS VILLAR 11 MIGUEL ÁNGEL VALES MALLO 12 IVÁN ANDRADE 13 ÁNGELES PACORET RODRÍGUEZ 14 DANIEL PÉREZ LÓPEZ 15 RAQUEL RODRÍGUEZ POSE 16 ÁNGEL DE LA FUENTE SUBIELA 17 Mª RAQUEL GARZA PORTEIRO 18 CARLOS LÓPEZ DOMÍNGUEZ 19 SANDRA SANTOS SUÁREZ 20 CÉSAR SOUTO GARCÍA 21 MARÍA CARMEN REGUEIRA BALDOMIR 1 RAMÓN VARELA RODRÍGUEZ 2 Mª PILAR TRIGO SUÁREZ 3 MIGUEL A. CALVO 4 IRENE GARCÍA AREOSA 5 SANTIAGO RAMIRO DOMÍNGUEZ 6 BEGOÑA MOSCOSO VARELA 7 HORACIO CASTRO FAVEIRO 8 DIANA SUÁREZ FERREIRO 9 JUAN PICHEL 10 XOSÉ MANUEL BUÑO SUÁREZ

Candidatos/as coa líder nacionalista Ana Pontón.

INTERVENCIÓN DA PORTAVOZ NACIONAL ANA PONTÓN

Ana Pontón.

En clave nacional, Ana Pontón invitou a todos a «sorrir, incluso en tempos complexos e difíciles, porque sorrir é un acto de rebeldia que demostra que o BNG nón está desilusionado nin tira a toalla, sorrir danos forza para seguir para adiante».
“Cun BNG decisivo en Madrid imos tirar abaixo moitos muros: O muro da estafa da AP9, demostrando que é posible conseguir a transferencia, o muro que nos impide ter unha tarifa eléctrica galega e un marco enerxético estable para garantir centos de empregos en empresas como ALCOA, o muro da débeda de 188 M€ que o Estado ten coas persoas dependentes, o muro da discriminación dos recortazos nos investimentos do Estado, 442 M€ co PP e 750 co PSOE apoiado por En Marea-Podemos”, enumerou.

Xogo de tronos

A líder nacionalista tamén criticou o “discurso do medo que tanto lle gusta a esta dereita tirada ao monte”, como volveu demostrar no acto en Santiago. “Seguro que coñecedes Xogo de Tronos, -esta madrugada foi a estrea mundial da ultima temporada-, e o PP fixo un vídeo da serie na que se esqueceu de falar deles mesmos! E sabedes que personaxes son: Os camiñantes brancos, con ese empeñado en espallar o terror alí por onde pasan”, ironizou.
Por contra, -dixo-, o 28A os galegos e as galegas “imos votar desde a ilusión, desde a esperanza, desde a confianza en nós mesmas, imos votar optando pola papeleta do BNG como garantía de defensa de Galiza e como garantía da defensa dos dereitos e das liberdades”. “Porque este país precisa recuperar voz propia no Congreso e imos ser decisivos na política do Estado e ímolo conseguir da man dun BNG en remontada, con deputados e deputadas sen ataduras, sen subordinacións a ninguén. Defender Galiza, os nosos dereitos e liberdades, ese é o noso compromiso”, concluíu.


Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha