- Lideran as candidaturas Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra).
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación das persoas que lideran as candidaturas do BNG para pedirlle os galegos e as galegas que convertan o seu lexítimo descontento co show das forzas estatais nunha oportunidade: a de conseguir que Galiza teña voz propia no Congreso da man do BNG.
“A alternativa para todas as persoas descontentas co espectáculo destes meses é o BNG, unha forza útil para defender o país”, salientou Pontón, “a opción non é quedar na casa senón facer algo diferente e transformar o cabreo nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia en defensa dos nosos intereses e, para iso, a ferramenta política é o BNG, con proxecto serio e persoas solventes dispostas a facer política pensando neste país”.
Ante a “inutilidade” e a “discriminación” das forzas estatais, o Bloque “é única garantía de que todos eses temas van formar parte da axenda do Estado, porque só o BNG ten as mans libres para defender os intereses de Galiza, ese é o noso compromiso: ir ao Congreso a defender os intereses de Galiza é a traballar duro pola xente deste país”, proclamou Ana Pontón.