O BNG presenta dúas mocións en Europa, sobre o espolio das eólicas e a estafa do prezo da luz

Foto: Delmi Álvarez.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, participan na Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea en Bruxelas, en representación do Bloque. Nesta asemblea a ALE celebra 40 anos de existencia, reunindo a diferentes partidos nacionalistas, rexionalistas e minorías de diversos pobos e nacións sen estado de Europa.

Segundo destaca Ana Miranda, a asemblea xeral da ALE celébrase nun “momento crucial” despois da pandemia e no contexto do debate da Conferencia do futuro de Europa, na que os partidos soberanistas están reclamando un mecanismo para poder exercitar o dereito a autodeterminación. A asemblea desenvólvese a través de diversos apartados, un dos cales será o debate en pleno no que van ser tomadas en consideración dúas mocións presentadas polo BNG, unha sobre a ameaza dos parques eólicos en Galicia e a outra sobre a estafa dos prezos abusivos na electricidade.