O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anunciou que a formación nacionalista presenta emenda á totalidade aos Orzamentos Xerais do Estado proxectados polo Goberno español para este ano 2021.
O BNG considera que os investimentos territorializados en Galicia, cifrados en 832 millóns de euros, son claramente insuficientes e discriminatorios co País. Rego salientou que en canto os Orzamentos do Estado soben 19,4 % e os capítulos VI e VII 138%, a previsión de investimentos en Galicia cae 11%, máis de 100 millóns de euros por debaixo dos orzamentos de 2018, do Goberno do Partido Popular, xa de por si insatisfactorios en relación coas necesidades dos galegos e galegas.
O deputado nacionalista insistiu na necesidade duns orzamentos realmente sociais e transformadores. Por iso criticou o incremento do gasto militar e da asignación á Casa Real e reclamou que o esforzo económico se centrase en reforzar a protección social e os servizos públicos.
Rego sinalou que a emenda á totalidade non necesariamente preludia un voto negativo na aprobación definitiva destes orzamentos, mais advertiu que para iso o Goberno ten que modificar as previsións orzamentaria en relación á Galiza.