O BNG presenta un plan con máis de 50 medidas para «protexer» a Galicia dos incendios

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou este luns en Ourense o plan integral ‘Da Cinza á Vida’ deseñado polo goberno alternativo do BNG para evitar que se repitan as vagas de incendios e darlle futuro ao medio rural, logo dos desoladores lumes rexistrados este verán e que considerou “deben ser un punto de inflexión” para cambiar de raíz as políticas forestais, ambientais e de desenvolvemento rural de Galiza fronte ao “modelo fracasado do PP”.

“O que vimos non pode volver a repetirse e para impedir que poidamos ter novas vagas de incendios coma estas, temos que deixar atrás o modelo fracasado do Partido Popular”, afirmou nunha comparecencia xunto a deputados e deputadas do Parlamento, da Deputación de Ourense e alcaldes e alcaldesas nacionalistas dalgúns dos concellos afectados polos lumes.

“Galiza merece moito máis que as mentiras e a propaganda coas que se quixo tapar a falta de prevención e a descoordinación dos dispositivos contra o lume, merece moito máis que o uso político partidista e carroñeiro que fixo o PP no medio dos peores incendios da nosa historia”, criticou para apostar a continuación por un novo modelo forestal e de desenvolvemento rural.  

Pontón explicou na súa comparecencia as principais liñas de actuación propostas polo Bloque no plan ‘Da Cinza á Vida’, unha “proposta ambiciosa, realista, transformadora e comprometida co futuro do País” que inclúe máis dun cento de medidas concretas que teñen como obxectivo prestar atención inmediata ás persoas afectadas, afrontar unha recuperación ambiental real, cambiar a política forestal e desenvolver un novo modelo de monte, revitalizar o rural e poñer en marcha unha política de prevención dos lumes estrutural e eficaz.

Related posts

Un falecido logo de sufrir un atropelo en Verea | Un home tamén perdeu a vida tras un incendio en Aranga

Falece un operario tras caer por un terraplén coa máquina cargadora que manexaba en Vilamartín de Valdeorras

Un mozo de 22 anos mata supostamente a súa nai en Vilagarcía de Arousa e precipítase desde un terceiro piso