O BNG vén de rexistrar no Parlamento galego unha emenda á totalidade ao proxecto de lei da Xunta para o recoñecemento da universidade privada impulsada por Afundación de Abanca por entender que “é innecesaria” dado que o sistema universitario galego “cumpre coas necesidades de titulación que hai no país”. Así o explica o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen, fronte a un proxecto de lei que permitiría abrir as portas á universidade privada por primeira vez en Galiza, aposta por “afondar nunha mellora do financiamento do sistema universitario público e na mellora da investigación universitaria; nun financiamento, en definitiva, que permita unha universidade pública para todas e para todos os galegos”. Neste sentido, a emenda presentada polo BNG advirte de que a denominada Universidad Intercontinental de la Empresa, lonxe de seguir o establecido pola Unesco para eliminar as discriminacións no acceso á educación superior, as consideracións económicas serán por primeira vez en Galiza o factor determinante para a selección do alumnado.
24