O deputado do BNG por Bergantiños e Costa da Morte, Oscar Insua, vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta de Galiza a incrementar o cadro docente do IES Eduardo Pondal de Ponteceso con, cando menos, tres docentes adicionais, atendendo ás necesidades derivadas da redución da xornada lectiva, da ampliación da oferta educativa e das especialidades nas que existe insuficiencia de profesorado e adecuándose ao número de matriculados.
Insua solicita tamén autorizar o desdobramento do grupo de primeiro da ESO e adoptar as medidas necesarias para reducir as ratios, garantindo os recursos especializados de atención á diversidade que precisa o alumnado, así como reforzar os recursos humanos destinados á Formación Profesional, garantindo persoal suficiente para o apoio nos talleres, para a coordinación da FP Dual e para continuidade do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.
En canto ao estado das instalacións do instituto, o parlamentario nacionalista pide ao Goberno galego que solucione todas as deficiencias, acometendo a reparación da cuberta do salón de actos e garantindo a finalización das obras do taller de automoción no menor prazo posible, en condicións que non prexudiquen a actividade educativa.
Desde o BNG sinalaron que todas as carencias do IES Eduardo Pondal están condicionando o seu funcionamento e a capacidade de ofrecer unha atención educativa individualizada, inclusiva e de calidade.
O deputado Oscar Insua manifestou que “a Consellería do PP terá que darnos explicacións no parlamento galego destes recortes no profesorado en Ponteceso. Estamos fartos na comarca destas políticas populares de recortar e recortar profesores. Unha razón máis para que os veciños e veciñas de Ponteceso voten ao BNG, quen defende unha educación pública, gratuíta e de calidade, e non lle voten ao binomio PP-VOX, porque acabarán por pasarlle a motoserra ao ensino público e privatizalo.”
Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG de Ponteceso e candidata á alcaldía, Fátima Rodríguez, afirmou que «a falta de recursos adicados pola Xunta ao ensino público en xeral, e ao IES de Ponteceso en particular, pon de manifesto o reiterado abandono das necesidades básicas da sociedade mentres se dá prioridade a investimentos moito máis vistosos pero de dubidosa utilidade social».
Rodríguez engadiu que «desde o BNG de Ponteceso consideramos que o goberno municipal, coa súa posición de submisión ante a Xunta, é cómplice desta situación, pois como recoñeceu o alcalde en prensa recentemente, el non vai esixir á Xunta o cumprimento das súas obrigas, co que dá o seu visto e prace a estes desleixos cada vez que pon a alfombra vermella para que as consellerías veñan facer anuncios e inauguracións de confeti e purpurina».
