O BNG presentará iniciativas no Parlamento contra o peche da escola de Montemaior

1 minutes read

O BNG presentará unha serie de iniciativas no Parlamento Galego contra o peche da escola unitaria de Montemaior, a última que quedaba no concello da Laracha. Así o afirmou este domingo o portavoz municipal do partido, Xoán Sande, quen ademais afirma que «O Sr. Feijoo anunciara ao comezo da lexislatura pasada que ía ser a lexislatura do rural, mais iso foi así unicamente na propaganda. Xa pechou a escola de Soandres e agora a de Montemaior; xustamente nesa lexislatura do rural o rural larachés queda sen escolas».

Sande móstrase moi crítico coas decisións que está a tomar a Xunta de Galicia neste sentido. «Nin en plena pandemia a Xunta do PP flexibiliza o criterio mínimo de 6 alumn@s e pecha unha escola con 5 nen@s inscritos para o curso 2020/2021. Outras comunidades do estado manteñen escolas rurais con 4 alumn@s. Ademais de amosar un nulo interese polo rural, desde o BNG consideramos unha irresponsabilidade na situación actual pechar a escola de Comiáns neste vindeiro curso e enviar as cinco crianzas a un colexio masificado» sentenciou Xoán Sande.