O BNG presentará varias iniciativas parlamentarias sobre o parque eólico de Monteagudo


O parque eólico Monteagudo afecta aos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo. O proxecto deste parque iniciouse no 2002, fai máis de vinte anos, e foi obxecto de numerosas modificacións até a súa aprobación definitiva en febreiro de 2016. Este parque contará finalmente con 5 aeroxeradores e potencia de 20,88 kW, dos cales 4 serán instalados no concello de Carballo. Inicialmente proxectáranse 7 aeroxeradores, que após unha modificación substancial, ficaron nos que constan no proxecto definitivo, pero que, en calquera caso, son estruturas de máis potencia e altura que os iniciais.
A evacuación de enerxía farase a través da Liña Alta Tensión (LAT) que une a subestación de Monteagudo coa subestación de Morás. Unha liña aéreo-soterrada de 13 Km de lonxitude, que transcorre polos termos municipais de Carballo, A Laracha e Arteixo. Proxecto de LAT que se tramitou por separado.

O proxecto do Parque Empresarial Monteagudo contaba cunha Declaración de Impacto Ambiental favorábel, publicado no DOG do 21 de febreiro do 2013, e após as modificacións operadas no proxecto inicial, coa DIA de 18 de xaneiro de 2023.
Malia esa DIA favorábel, desde o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego hai determinadas cuestións nas que é imprescindíbel incidir e que xustificarían os pedimentos recollidos na parte resolutiva da presente Proposición Non de Lei.
A primeira e máis importante, é como vai afectar este parque á vida das persoas que residen na zona próxima á instalación de infraestruturas e aeroxeradores. Sobre todo, cando un dos aeroxeradores, concretamente o A1.1, se atopa a menos de 500 metros da vivenda máis próxima, situada no lugar de Carballedo, que non está recollido no planeamento. Ese aeroxerador está planeado na área continua de ordenación, co que entraría en clara colisión co ámbito do Plan de Ordenación do Litoral.

Este parque tamén terá un forte impacto sobre o patrimonio cultural da zona, afectando a elementos sobre todo arqueolóxicos, sen que as posíbeis medidas correctoras e protectoras o poidan mitigar ou eliminar. Ademais, a incidencia visual dos aeroxeradores, verase incrementada polo efecto sinérxico doutros parques eólicos en funcionamento (ou en tramitación) na zona, afectando de xeito destacado á vila de Caión, a súa contorna e á propia praia de Baldaio, miradoiros e núcleos de poboación próximos.
A incidencia deste parque para a paisaxe e para as persoas será maior tamén polo efecto sinérxico da LAT Montegaudo-Morás. Unha infraestrutura que está moi próxima a outras liñas preeexistentes, que deberían terse en conta para evitar duplicidade de trazados, posíbeis afeccións e impactos innecesarios sobre o territorio e sobre o xeito de vivir das veciñas e veciños.

Por estas e outras cuestións, o BNG pedirá abrir un novo procedemento de información pública tendo en conta os numerosos cambios no proxecto, incluíndo os documentos novos presentados pola empresa e os informes sectoriais completos. Ademais de realizar unha avaliación ambiental conxunta de todos os parques e infraestruturas asociadas nunha distancia de 20 km.”