O Bloque Nacionalista Galego celebrou este sábado unha xornada de traballo para analizar o presente e futuro do medio rural. Dirixentes do BNG, investigadores e traballadores reuníronse no Parlamento para analizar a situación do rural e presentar as alternativas de futuro. A xornada contou con dúas mesas de debate e, na inauguración, Ana Pontón presentoulles a proposta do BNG para rescatar o rural galego.
Pontón, abriu a xornada de traballo Por un rural vivo afirmando que todos os países avanzados teñen un rural forte e produtivo que garante a soberanía alimentaria, crea riqueza, é sustentable no ambiental e ofrece servizos de calidade.
A portavoz nacional considera que ese rescate do rural é posible e presenta un Plan estratéxico para un rural vivo e con futuro estruturado en dez liñas de actuación e ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas que foron enumeradas pola líder nacionalista: manter as escolas unitarias, – o PP na Xunta pechou 110-, dotar de pediatría todos os centros de saúde, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.
A segunda liña estratéxica ten como obxectivo clave conseguir un rural produtivo, que aporte alimentos de calidade e permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe no plan de rescate mobilizar terra agrícola abandonada. En concreto, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras ilegalmente forestadas.
Galiza ten un rural cun potencial inmenso, pero necesita un Goberno que poña en valor toda esa riqueza, un goberno que traballe a favor do rural. Ese é o compromiso do BNG, concluíu Pontón.