O BNG presiona para pór fin ás peaxes da AP-9 e pola transferencia da infraestrutura

1 minutes read

A só uns días dunha nova suba nas peaxes da AP-9, estimada en máis dun 4% a partir do vindeiro 1 de xaneiro, o BNG incrementou a presión para esixir ao Goberno que poña fin a estes pagos e que rescate de xeito «inmediato» a concesión. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, encabezou este sábado un acto de protesta, ante a peaxe de Vilaboa, no que dirixentes nacionalistas reivindicaron a transferencia da autoestrada a Galicia. O deputado nacionalista reitera a necesidade de que o Goberno do Estado “actúe canto antes” e dea por rematada a concesión da AP-9. Néstor Rego lembra que, ademais de estar amplamente amortizada, a Unión Europea xa determinou que as prórrogas concedidas polos gobernos do PSOE e do PP non se axustan á legalidade vixente, polo que considera “escandaloso” que a cidadanía galega continúe asumindo este custo. Neste sentido, Rego insiste que o executivo estatal debe priorizar os intereses dos galegos e galegas, así como das empresas asentadas no Eixo Atlántico, fronte aos dunha concesionaria privada participada por fondos voitre. “Non ten ningún sentido seguir perpetuando un modelo que prexudica a mobilidade, a competitividade económica e a cohesión territorial da Galiza” afirma.