O BNG propón á Xunta que faga gratuítas as autovías AG-55 e AG-57


O BNG defendeu no Parlamento galego a gratuidade das autovías AG-55 e AG-57 -que conectan as áreas da Coruña e Bergantiños e Vigo e Val Miñor, respectivamente- como medida temporal en tanto persista o actual contexto “de emerxencia” derivado da suba de prezos.

Para a formación nacionalista, a medida debería aplicarse, como mínimo, ás persoas usuarias habituais e transportistas, xa que son ámbalas dúas zonas de alta densidade de tráfico e cunha elevada concentración de parques industriais e nós  loxísticos, para, unha vez se estabilicen os prezos, aplicar novas bonificacións -de canto menos o 50% nas viaxes de volta para todo tipo de vehículos-, xa que as desenvolvidas ata o de agora pola Xunta resultan “absolutamente insuficientes”.

Así o dixo o portavoz nacionalista de Infraestruturas, Luís Bará, quen afeou ao Goberno do PP o desconto do 25% na viaxe de volta en días hábiles e só para persoas usuarias con telepeaxe, “inferior, por exemplo, ao aplicado no caso da AP9”, ou a redución do 50% en horario nocturno: “habería que ver cal é o tráfico entre as 00 e as 06 h da madrugada nestas dúas autovías”, ironizou para reprobar con severidade esta última bonificación para as usuarias e usuarios que pagan diariamente unha peaxe de 5,10 euros entre A Coruña e Carballo e de 3,40 euros entre Baiona e Vigo.