O BNG propón crear un “Amazon galego”

1 minutes read

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu unha tenda no ensanche de Compostela para explicar as propostas do BNG para impulsar o comercio local e de proximidade, que enfronta agora as consecuencias da crise xerada polo coronavirus, empezando polas perdas e gastos derivados de tres meses de confinamento e coa persiana baixada.

Nas medidas a medio prazo, Pontón comprometeu unha nova lei de comercio que acabe coa invasión de competencias do Goberno central e que poña fin á actual normativa de liberalización de horarios que só beneficia ás grandes superficies.“Unha nova lei pactada co sector que recolla as súas demandas en materia de horarios, apertura de festivos ou para fixar o período de rebaixas».

Unha consecuencia do confinamento foi o auxe da compra online incluso entre consumidores e consumidoras que non tiñan este hábito de compra, unha tendencia que vai seguir medrando, por iso o BNG propón crear un Amazon galega, unha plataforma galega de venda por internet con participación pública e do sector privado para que o comercio e os produtores locais teñan unha plataforma galega a través da que comercializar produtos de todos os ámbitos e sectores. Proposta que parte da reflexión de que non é intelixente darlle as costas a unha realidade que está aquí, pero sen someterse ás normas que fixa unha multinacional global, á que nada lle importa a viabilidade dunha tenda de barrio galega.