O BNG propón en Mazaricos un modelo eólico sustentable para Galicia

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse até Mazaricos, co parque eólico A Ruña II paralizado a petición do goberno local do BNG, para denunciar a “febre eólica” que vive Galicia, cunha avalancha “brutal” de proxectos que responden á lóxica do espolio dos recursos naturais do País en beneficio duns poucos.

“Unha febre eólica moi agresiva, tanto na forma como no fondo, pola prepotencia e os abusos das empresas, que buscan apropiarse dos recursos naturais do País sen apenas deixar riqueza nin xerar emprego, mentres que a Xunta, -en lugar de velar polo interese público-, mira para outro lado ou mesmo actúa de parte do interese privado”, denunciou a líder dun BNG que defende o desenvolvemento eólico pero desde “un modelo público, xusto, sustentábel e participativo dos recursos, fronte ao modelo depredador que permite o Goberno do PP”.

“É posible compatibilizar proxectos eólicos con outras actividades e cun novo modelo respectuoso e participativo, que teña en conta que a enerxía eólica debe ser un elemento para desenvolver o País”, explicou Pontón, avanzando algunhas das propostas do BNG cara un modelo eólico que permita a Galicia beneficiarse da súa propia riqueza en lugar de servir de lucro para multinacionais eléctricas.

A formación nacionalista defende en paralelo reformas normativas que, aínda co actual modelo, permitan dirixir o beneficio dos parques eólicos cara o interese xeral.