Presenta unha reforma da Lei de Normalización Lingüística para blindar o idioma propio dos ataques da “tridereita españolista”
O BNG leva ao Parlamento unha proposición de lei para modificar a actual normativa lingüística e establecer o galego como lingua vehicular no ensino cun obxectivo primordial: frear a perda de galegofalantes entre as xeracións máis novas especialmente acusada no ámbito urbano no que se está derivando a un monolingüísmo en castelán.
Ante esa posición extrema do españolismo, o Bloque aposta por mudar a lexislación actual, “para blindar as competencias que temos en Galicia e para favorecer que se recuperen acordos e consensos a prol da lingua, evitando que as forzas da involución democrática xoguen co futuro do galego como mercadoría electoral”, argumentou a líder nacionalista.
Neste contexto, o BNG propón que o galego sexa por lei a lingua vehicular no ensino ademais de desenvolver medidas que estaban contidas no Plan xeral de normalización lingüística “que hai máis dunha década que acordamos e sigue a ser un punto de encontro”, resumiu Pontón. E atribuíu á política lingüística de Feixóo dos últimos anos, en particular no ensino co malchamado decreto do plurilingüismo, -“o decreto da vergoña”-, a responsabilidade da perda de falantes entre a mocidade.
Pontón aproveitou a comparecencia ante os medios para denunciar a falta de implicación das forzas políticas estatais na tramitación por urxencia da lei de transferencia da AP9. Tras anos de veto do PP, volve quedar en papel mollado posto que se debaterá no último pleno antes da disolución do Congreso polo adianto electoral do 28 de abril, pois pese a “urxencia” declarada tras a toma en consideración da lei, tardou máis de dous meses en ser debatida na Cámara baixa.
Transferencia da AP9, unha burla
“É unha burla”, sentenciou a líder do Bloque, quen insta a Feixóo a solicitar a reunión da Comisión mixta de transferencias para conseguir desde aí a xestión desta infraestrutura, como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes. “Que demostre que quere a transferencia e que se deixe de cortinas de fume”, recalcou en relación á posición do presidente da Xunta.
De novo, a portavoz nacional denunciou a falta de compromiso con Galicia das forzas políticas estatais, pois ningunha tivo a preocupación para axilizar a tramitación da lei aprobada polo Parlamento galego, “unha nova mostra de discriminación das forzas estatais, o último punto decepcionante desta lexislatura despois do fiasco dos orzamentos do Estado”, concluíu.