O Bloque Nacionalista Galego propón que o Concello de Vigo se integre na ‘Rede de Cidades que Camiñan’, unha iniciativa coa que buscan que a cidade avance cara un novo modelo urbano máis habitábel e verde. Así o anunciou este luns o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que salientou será un dos principais compromisos da fronte nacionalista nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
«Comprometémonos a mellorar o espazo público como lugar para camiñar, estar e socializar, fomentando a mobilidade sustentábel, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade do medio ambiente e a autonomía infantil», asegurou Igrexas, que adiantou que incorporarán as propostas recollidas no decálogo da ‘Rede de Cidades que Camiñan’, da que xa fan parte 78 municipios, no programa electoral «aberto e en positivo» dos nacionalistas.