- A proposta do BNG inclúe a participación pública no sector da enerxía, unha tarifa eléctrica galega e o fomento do autoconsumo.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo un encontro de traballo con persoas expertas e cargos públicos co obxectivo de seguir avanzando nun dos debates máis importantes da Galiza de hoxe para poder construír o futuro: o modelo enerxético.
A líder do Bloque manifestou que o BNG “camiña con paso firme no deseño das políticas que precisa este País para ser vangarda nas transformacións enerxéticas e na loita contra o cambio climático, nun momento de grandes transformacións que van ser tan importantes como no seu dia foi a revolución industrial”, explicou, afirmando que non se pode ser mero espectadores nin permitir que Galiza quede atrás.
Pontón fixo alusión a que se precisan políticas valentes e con ambición para cambiar o paradigma e sentar as bases dun modelo enerxético galego. Un novo paradigma pensado desde e para Galiza que poña fin ao espolio e a concentración de beneficios multimillonarios en mans das grandes eléctricas. “Estamos falando dun modelo no que a enerxía sexa o que sempre debeu ser, un ben público ao servizo da sociedade e que permita o desenvolvemento do noso País”, declarou a portavoz nacional.