O BNG propón un modelo eólico galego, fronte o modelo “kamikaze” da Xunta

Cedida.

A través dunha moción defendida pola portavoz en materia de enerxía, Noa Presas, o BNG reclamou un “modelo eólico galego, participativo, xusto, sostible e beneficioso para Galiza” fronte ao modelo “KamiKaze” da Xunta baseado no “arrase” dos territorios e ao servizo das grandes empresas eléctricas. Na defensa da iniciativa, a  deputada salientou que a política eólica do goberno galego, á que se sumou o goberno central, ocasiona un grande problema en Galiza en tres vertentes, social, económica e ambientalmente.

Presas reclamou  mellorar a información dispoñíbel a través do Rexistro Eólico Galego, promover un papel activo da Xunta, ao abeiro do INEGA para o asesoramento dos colectivos afectados, poñer en marcha as demandas do Observatorio Eólico Galego respecto das recomendacións de transparencia, participación pública e difusión de modelos de contrato e mecanismos de negociación.

Finalmente insistiu na necesidade de Impulsar un consenso e acordo eólico para Galiza que poña fin aos problemas derivados da caducidade do Plan Sectorial Eólico de 1997 e da nova lexislación. “Un novo Plan Sectorial Eólico participativo e dialogado”, reclamou.