O BNG propón un orzamento expansivo para 2023 que permita unha saída xusta da crise

1 minutes read

O BNG amosa a súa preocupación polo dato de teito de gasto ofrecida tras o Consello da Xunta, que considera “rutineiro e decepcionante” tendo que en conta o contexto de crise de prezos coa maior inflación en 38 anos.

“Non atende á situación de excepcionalidade que estamos a vivir cos prezos disparados afogando á maioría social e ás PEMES e, nesta situación, o que non cabe e facer o de sempre para deseñar uns orzamentos que non van ser suficientes nin sequera para cubrir o incremento de gasto de servizos básicos como a sanidade, ensino, ou por exemplo, para abordar os aumentos dos materiais na execución de obra pública”, explica a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas.

Por tanto, o Bloque considera que o teito de gasto aprobado polo Executivo do PP vai ter como resultado “uns orzamentos de estancamento e de parálise, xusto o último que precisa Galiza neste momento”, alega Presas, quen anticipa a posición da formación nacionalista no pleno no que se debaterá o teito de gasto.

“Faremos unha proposta ambiciosa que  terá como horizonte unha saída xusta da crise para os galegos e as galegas”, destacou a deputada.