A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro telemático con representantes da Asociación de autónomos e pequenas empresas e coa Asociación de traballadores autónomos, principais entidades nas que se organizan as 210.000 persoas que integran este colectivo de traballadores e traballadoras en Galiza.
Entre as medidas urxentes que formula o Bloque: eliminar a cota de autónomos durante un período inicial de 3 meses, -“a ingresos cero, cotizacións cero”-, recalca Pontón. Unha axuda directa de 2.000 € por parte do Executivo galego para os casos nos que as persoas autónomas se viran obrigadas a pechar ou reduciran de xeito importante os seus ingresos, axudas que deben ser compatibles coas do Estado.
Igualmente, o BNG propón eliminar o pago do alugueiro ou das cotas da hipoteca durante o período non traballado e aplicar unha quita do 50% nos tres meses seguintes á reapertura da actividade.