O BNG propón unha batería de «solucións propias» para combater a emerxencia climática

2 minutes read

O BNG deseñou unha estratexia ambiental presentada pola portavoz nacional, Ana Pontón, no Parque Eugenio Granell en Santiago, lugar simbólico da Galicia verde que propugna o Bloque, fronte ao modelo de depredación do territorio e do espolio dos recursos. A estratexia ambiental do BNG ten como finalidade “romper cun modelo depredador e extractivo que asigna a Galicia o papel de mera subministradora de materias primas e de enerxía, cun forte impacto ambiental e, por riba, con escaso valor engadido”, declara. E quere revisar un modelo económico “asentado no espolio dos recursos naturais, no hiperconsumismo, na cultura de usar e tirar, no dispendio de bens vitais pero finitos como a auga provocando, ademais, unha xeración excesiva de residuos”.

A estratexia ambiental nacionalista inclúe trinta propostas de actuación en sete grandes ámbitos: biodiversidade, enerxía, axenda urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía, para actuar no só no medio natural, senón particularmente no rural e  urbano de onde parten as principais causas da emerxencia ambiental. Propostas para frear a perda de biodiversidade, o risco de grandes incendios, a contaminación ou os problemas vinculados á escaseza de auga, entre outras cuestións. Pontón contrapuxo o modelo ambiental e ecoloxista do Bloque co  modelo do PP auspiciado por un Feixóo que cualificou de “kamikaze” ambiental.

Medidas

En materia de biodiversidade, a creación dun Fondo de conservación da natureza cun investimento de 100 M€. En materia enerxética, a esencia da proposta nacionalista é que a enerxía sexa considerada un ben público e un sector estratéxico, de aí a proposta dunha empresa pública de enerxía. No relativo á axenda urbana, a principal proposta pasa pola elaboración participativa da Axenda Urbana Galega 2030. No ámbito da mobilidade, fomento do transporte público e da intermodalidade, que combine bus, tren, transporte marítimo e tamén a mobilidade ciclista. Igualmente, reducir ao mínimo a xeración de residuos como plásticos, os de orixe industrial, da construción e agrogandeiros.