O BNG propón varias medidas para un plan de rescate da hostalería

Cedida.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o portavoz parlamentario de turismo, Daniel Pérez, e a portavoz municipal de Santiago, Goretti Sanmartín, mantiveron un encontro coa Plataforma galega en defensa da hostalería para analizar a situación dun sector que xa deixou polo camiño 10.000 postos de traballo.

Pontón salientou as propostas do BNG que pasan por un Plan de rescate real para a hostalería e o turismo, “que debe estar operativo canto antes para evitar máis peches definitivos de locais”, un plan que debe ir acompañado dun paquete de medidas no ámbito fiscal e financeiro. Con actuacións como aprazar os pagos de IRPF, do IVE e ampliar prazos para abonar o imposto de sociedades, así como aplicar un IVE reducido, “para darlle competitividade e animar o consumo”.

Igualmente, o Bloque propón exonerar ás persoas autónomas do pago das cotas correspondentes ao tempo de peche e reducións no pago das cotizacións sociais aos afectados e afectadas polo cese de actividade derivado da pandemia. Finalmente, insta ao Goberno da Xunta á negociar coas entidades bancarias un mínimo dun ano de carencia nos créditos.