O BNG proporá no Parlamento un paquete de medidas para a reindustrialización de Galicia

Así o avanza o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, quen advirte dos “12.000 postos de traballo perdidos no sector durante o goberno de Núñez Feijóo”, ben por peches empresariais, ben por crises industriais, nos e nas que se fixo “infelizmente popular” nos últimos tempos a consigna Sen Industria non Hai Futuro.  

Tal e como avanza o deputado nacionalista, entre as propostas inclúese, ademais do impulso da Mesa Galega da Automoción, un Plan Galego pola Automoción que promova a instalación en Galicia de novas actividades e actores industriais relacionados co sector para, por unha banda, garantir a produción daqueles compoñentes críticos e de máis valor engadido en función dos novos sistemas de mobilidade (por exemplo, fábricas de celas de baterías eléctricas, de semicondutores, de pilas de hidróxeno ou de novos sistemas de tracción) e, por outra, rachar así coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante.

De igual xeito, o BNG avoga por desenvolver un Plan galego para a descarbonización do transporte colectivo por estrada e propón un plan específico para o peche de ciclos de madeira, coa creación dun complexo industrial para a transformación e segunda transformación de produtos derivados.

Nas súas propostas, o BNG incide tamén na necesidade de actuar especificamente sobre dúas das comarcas industriais máis castigadas pola crise: A Mariña e Ferrolterra. Por último, a formación nacionalista considera preciso articular medidas para empresas concretas dado o importante papel que xogan na economía e o emprego das súas respectivas comarcas. É o caso dos estaleiros Barreras e o antigo Vulcano, ámbolos dous na ría de Vigo, ou Alu Ibérica A Coruña, para os que propón un plan de rescate con participación pública tanto no capital social como na dirección estratéxica.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha