O BNG reclama a declaración como zona catastrófica das áreas destruídas polos lumes

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego coordina accións no Parlamento de Galiza e no Congreso e reclama que se inicie o procedemento de declaración de zona catastrófica nas áreas do País afectadas pola vaga de lumes e que se aproben axudas económicas a todas as persoas que se viron afectadas, así como medidas fiscais, laborais e de Seguranza Social para paliar os danos. María G. Albert e Néstor Rego, deputados do BNG na cámara galega e estatal, demandan a coordinación entre as diferentes administracións para que existan “todas as axudas, recursos e medios necesarios para a recuperación dos bens queimados”.

As zonas máis afectadas son as pertencentes ao Courel –con 60 núcleos- e Valdeorras, cun total de 20. Non só se destruíu masa forestal, o lume no seu avance imparábel queimou vivendas e aldeas por completo. Este é o caso da parroquia de Alixo no Barco de Valdeorras, do núcleo de Río de Bois na Pobra do Brollón, da Veiga de Cascallá en Rubiá ou da aldea de Vilar, en Folgoso do Courel. Así, segundo os últimos datos, son xa un total de 85 casas as arrasadas polo lume.