O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu unha moción con medidas para atallar a crise industrial en Galicia. O deputado nacionalista explicou que a crise industrial en Galicia non é conxuntural nin tampouco consecuencia da emerxencia sanitaria xerada pola COVID19. “É unha crise profunda e duradeira que deriva da situación de dependencia política do noso país, Galiza” salientou, facendo fincapé no espolio que padece o país, especialmente no referente ao sector enerxético, e de políticas desacertadas e lesivas -por acción ou por omisión- dos gobernos español e galego.
O deputado nacionalista, demandoulle ao Goberno o cumprimento do compromiso demorado da aprobación do estatuto das electrointensivas. Rego tamén lle reclamou ao Executivo a nacionalización da factoría de San Cibrao se fracasa a venda.
«Para evitar a catástrofe económica e social que tería en toda a comarca o peche. Se esa negociación fracasa, o Goberno español debería estar disposto á intervención pública para a nacionalización da factoría. Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa. Polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das administracións públicas», di Néstor Rego, deputado do BNG.