O BNG, a través do deputado Oscar Insua, vén de presentar diversas iniciativas no Parlamento galego nas que solicita á Xunta de Galiza que adopte as medidas necesarias para que os autobuses das liñas interurbanas realicen a parada establecida na estrada AC-197 no núcleo rural da Ameixenda, no concello de Cee, que xa está contemplada no Plan de Transporte Público de Galiza, e nas condicións do contrato concesional, garantindo así un servizo próximo, seguro e accesible para a veciñanza.
A formación nacionalista sinalou que na actualidade os autobuses efectúan a parada denominada Ameixenda II, situada fóra do núcleo de poboación, nas proximidades da estrada AC-550, nun emprazamento que carece de marquesiña e que, segundo denuncia a veciñanza, non reúne as condicións adecuadas de seguridade e accesibilidade para as persoas usuarias. Esta situación obriga ás persoas que precisan utilizar o transporte público a desprazarse desde o núcleo rural ata dita estrada, coas dificultades e riscos que isto implica, especialmente para as persoas maiores, con mobilidade reducida ou que non dispoñen de vehículo particular.
O BNG subliñou que o propio Plan de Transporte Público de Galiza contempla a existencia de dúas paradas no interior da Ameixenda, denominadas A Ameixenda (As Lamas) e A Ameixenda (Igrexa), incluídas nas rutas entre o CEIP Vila de Cee e O Ézaro, e entre Cee e O Ézaro.
«Pola contra, as rutas interurbanas que conectan Santiago de Compostela, Muros, Cee e Fisterra, inclúen a parada Ameixenda II, situada fóra do núcleo rural, sen que os autobuses que prestan estes servizos accedan ás paradas de As Lamas e Igrexa», advertiron os nacionalistas, que indicaron que a veciñanza da Ameixenda leva preto de dúas décadas reclamando unha solución á problemática existente, e en setembro deste ano volveuse a mobilizar, reunindo 425 sinaturas para reclamar á Xunta que arranxe a situación.
O deputado Oscar Insua apuntou que “levamos ao parlamento esta demanda da veciñanza da Ameixenda co obxectivo de buscar unha solución rápida, porque non é de recibo que leven anos sen recibir unha resposta da Xunta de Galiza para facer algo que parece sinxelo de resolver. Cada vez hai máis usuarios porque os prezos dos carburantes non deixan de subir, e a xente opta polo transporte público, pero a xestión do PP cos autobuses é unha desfeita, e aquí é ó único medio que existe, por desgraza”.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez, manifestou que “estamos ante unha vella reivindicación, pois xa hai anos que puxemos enriba da mesa a necesidade de que o transporte publico fixese o traxecto polo interior e non deixase a veciñanza sen a posibilidade de usar o bus para desprazarse a Cee ou a outras zonas da contorna. Celebramos as reivindicacións da veciñanza e por iso, a través do noso deputado Oscar Insua, levamos a problemática ao Parlamento galego”.
Domínguez engadiu que “no concurso que gañou Monbus había unha parada marcada na Ameixenda, aínda que despois cambiaran sobre a marcha, co cal gañar un concurso e logo retocar as paradas non é de recibo”.
