O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar á Xunta que rectifique o plan parcial de Navia para incrementar o número de vivendas protexidas e crear un parque público de vivendas en Vigo. A fronte nacionalista rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego, que será debatida no próximo Pleno, para urxir cambios no proxecto presentado polo Executivo do PP, que só garante, din, 80 vivendas de promoción pública das 1.600 previstas pese a elevada demanda na cidade e os prezos disparados de aluguer e compravenda.
«Pode ser unha oportunidade histórica para termos un necesario parque público de vivendas na cidade ou outra oportunidade perdida que siga poñendo por diante os intereses das construtoras e dos axentes inmobiliarios», denunciou a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Alexandra Fernández, acompañada do concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, e do portavoz do colectivo Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Antón Bouzas.