O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou na caravana automobilística convocada na cidade de Santiago de Compostela para exixir a aplicación das medidas recollidas no acordo de investidura na autoestrada do Atlántico. A organización nacionalista reclama rematar coa “estafa legalizada” que supón ter as peaxes máis caras do Estado español e sinala o efecto negativo que ten para o desenvolvemento social e económico de Galicia.
Rego lembrou que este mércores na sesión de control ao Goberno, a formación nacionalista preguntou sobre a aplicación destas medidas sendo moi positivo que o Ministro de Transportes reafirmara o seu compromiso co «cumprimento do acordo do BNG” mais “evitou unha concreción sobre cando tiñan que entrar en vigor esta medidas de desconto das peaxes da AP-9”.
A Néstor Rego non lle parece aceptable porque “tiveron tempo máis que suficiente para poñelas en marcha”. En todo caso, o BNG anunciou que seguirá traballando para que se apliquen canto antes estas medidas e co obxectivo xeral de que a AP-9 “acabe sendo galega” completando a tramitación da transferencia “e libre de peaxes”.