O BNG de Laxe reclama explicacións ante o peche da Lonxa de Laxe e considera necesario aclarar por que se chegou a esta situación, tendo en conta que os barcos da localidade xa levaban tempo comercializando as súas capturas noutras lonxas, como A Coruña ou Ribeira.
Para os nacionalistas, o peche da lonxa non é o inicio do problema, senón o resultado dun proceso que vén de atrás e que require unha explicación. “Non cuestionamos que os barcos de Laxe estean comercializando as súas capturas noutros portos. O que queremos saber é por que se chegou a unha situación na que a Lonxa de Laxe deixou de ser unha opción viable para a súa propia frota e que se fixo mentres esa perda de actividade se producía”, sinala o BNG.
A formación considera especialmente significativa a coincidencia coa situación actual do sector. O pasado 8 de agosto, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, era nomeada en Laxe Embaixadora dos Peixes e Mariscos de Laxe, nun acto no que se destacaba a pesca artesanal, a calidade do produto local e a importancia da lonxa.
“Resulta difícil de entender que hai apenas unhas semanas se estivese promocionando o peixe e marisco de Laxe e destacando a importancia da nosa lonxa e que agora a propia lonxa peche”, apunta Cristina Vázquez portavoz do BNG.
Poñer en valor tamén é garantir actividade
Os nacionalistas lembran ademais que, a través do GALP Costa da Morte, se concederon 29.140,17 euros para un proxecto de Promoción e Posta en Valor dos Pescados e Mariscos da Lonxa de Laxe, cun prazo de execución ata outubro de 2026.
O BNG considera positiva a finalidade deste proxecto e non cuestiona a necesidade de promover o produto pesqueiro local. Precisamente por iso, considera necesario abordar a contradición que supón que, mentres se promove e se pon en valor a Lonxa de Laxe, a actividade da propia lonxa vaia desaparecendo ata chegar ao seu peche.
“Promover o peixe e marisco de Laxe é necesario. Pero tamén hai que preguntarse que se fixo para que a actividade comercial da nosa lonxa non fose desaparecendo. O problema non comezou agora”, sinala a formación.
Que pasa con Lonxamar?
O BNG considera tamén necesario aclarar a situación actual de Lonxamar, a iniciativa impulsada pola propia Confraría para a comercialización do produto da Lonxa de Laxe.
A formación reclama coñecer que papel desempeña actualmente esta iniciativa na comercialización das capturas da frota local e como se articula ante o peche da lonxa.
Para o BNG, trátase simplemente de coñecer como funciona actualmente o sistema de comercialización do produto da frota de Laxe e que vías existen para darlle saída.
O Concello debe explicar que fixo
Os nacionalistas reclaman tamén explicacións ao Concello de Laxe e preguntan que actuacións realizou nos últimos anos ante a perda progresiva de actividade da lonxa, se mantivo contactos coa Confraría ou coa Xunta e que pensa facer agora ante o seu peche.
“Non se trata de buscar culpables nin de cuestionar iniciativas que pretendían poñer en valor o noso produto. Trátase de saber por que chegamos ata aquí. Os barcos de Laxe levan tempo vendendo fóra e agora a lonxa pecha. Queremos saber que pasou durante este proceso e que se vai facer para recuperar a actividade comercial no propio porto”, afirma o BNG.
Unha lonxa que forma parte da historia de Laxe
Para o BNG, detrás deste peche hai tamén unha dimensión que non se pode medir unicamente en cifras. A Lonxa de Laxe forma parte da historia mariñeira da vila e é tamén a lonxa pola que tanto loitaron os nosos avós e as xeracións de homes e mulleres do mar que nos precederon, convencidos da importancia de que o peixe capturado pola frota local puidese comercializarse no seu propio porto.
“Non estamos falando simplemente dun edificio ou dun lugar no que se facía unha poxa. Estamos falando dunha parte da nosa historia e da nosa identidade como vila mariñeira. Por respecto a quen loitou por ela e, sobre todo, por responsabilidade co futuro da pesca en Laxe, non podemos asumir o seu peche como se non pasase nada.” Sinala Isabel Toja, concelleira nacionalista.
A formación nacionalista considera que a pesca de Laxe merece algo máis que actos de promoción e nomeamentos e reclama unha resposta clara das administracións e da propia Confraría sobre o futuro da comercialización das capturas da frota local.
“Se queremos poñer realmente en valor o peixe e marisco de Laxe, temos que preocuparnos tamén de que exista unha estrutura comercial forte no noso porto. O que non pode pasar é que se fale de poñer en valor a nosa lonxa mentres a lonxa pecha.”
O BNG de Dumbría insiste na necesidade de abrir un centro de día no municipio
O BNG de Dumbría reiterou a necesidade de que o municipio conte cun centro de día que dea servizo a familias que contan con persoas dependentes. O portavoz municipal dos nacionalistas, Xaime Trillo, volveu a levar o asunto ao pleno ordinario celebrado este xoves 3 de setembro, e preguntou ao goberno local se ten realizada algunha xestión para a apertura dun centro de día.
O voceiro do BNG incidiu en que “a existencia dun centro de día faise cada día máis urxente en Dumbría, pois moitas familias non teñen posibilidade de conciliar a súa vida laboral e familiar co coidado que precisan moitos maiores dependentes, sobre todo de grao severo ou grandes dependentes”.
Xaime Trillo manifestou que “a situación é límite no noso concello, onde non abondan as horas de SAF, porque as persoas dependentes están nesa situación as 24 horas do día, non as tres ou catro que teñen ese servizo”.
A formación nacionalista lembrou que xa o ano pasado impulsou unha moción no pleno na que pedía á Corporación municipal que se pronunciase para que o executivo municipal instase á Xunta de Galiza a executar a construción dun centro de día para ofrecer un mínimo de 25 prazas. A proposta foi aprobada naquel momento cos votos favorábeis dos grupos do PSOE e BNG, e a abstención do PP.
Puntos Violeta
O voceiro do BNG de Dumbría tamén solicitou ao equipo de goberno que estabeleza puntos violeta nas festas que se desenvolven no municipio. “Trátase dunha ferramenta importante para a información, prevención e apoio ante posíbeis casos de agresións machistas e sexuais”, sinalou Xaime Trillo.
O portavoz nacionalista afirmou que “os puntos violeta están pensados para ser lugares seguros e que facilitan información clara sobre como actuar, ademais de conectar de forma directa ás afectadas cos servizos de asistencia”.
