O BNG reclama medidas máis ambiciosas para baixar a factura da luz

Foto.- BNG.

Ante o anuncio do Goberno do Estado da baixada temporal do IVE na factura da luz a 10% e do Imposto de produción a 0% durante 3 meses, a formación nacionalista cualifica estas medidas como “claramente insuficientes”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama reducir o IVE de 21 a 4%, eliminar o Imposto especial (5,11%) e impedir que o Imposto á Produción (7%) que pagan as eléctricas poida ser repercutido ás persoas consumidoras. Ademais, Rego defende que hai que ir a unha nova regulación do sistema eléctrico, nacionalizar as grandes compañías do sector e implantar unha Tarifa Eléctrica Galega. Así mesmo, Rego chama a eliminar da factura eléctrica os cargos e portaxes que non teñen unha relación directa co consumo eléctrico, como as primas ás renovábeis ou os custos extra peninsulares, que deberían ser asumidos con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.