O BNG reclama no Parlamento a gratuidade da AG-55 mentres persista a escalada de prezos

2 minutes read
  • Os nacionalistas presentaron unha proposición non de lei que tamén inclúe a rebaixa posterior das tarifas e o estudo do rescate da concesión

O BNG vén de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que insta á Xunta a establecer a gratuidade das dúas autovías galegas de peaxe, a AG-57 e a AG-55, de maneira temporal, mentres persista o actual contexto de suba de prezos. «A discriminación histórica que veñen sufrindo os habitantes e as empresas das áreas Vigo-Val Miñor e A Coruña-Bergantiños vese agravada polas consecuencias do incremento dos prezos dos carburantes, que afectan tanto ao sector do transporte coma ás persoas particulares, e que, sumadas ás elevadas peaxes que xa teñen que soportar, constitúen unha pesada carga que é preciso aliviar», sinalan desde a formación.

Sen embargo, dende o BNG piden máis. Propoñen que, unha vez se estabilicen os prezos, a Xunta aplique descontos para todo tipo de vehículos de cando menos o 50% nas viaxes de volta. Neste sentido cómpre lembrar que o Goberno autonómico xa aprobou bonificacións para persoas usuarias de dispositivos de telepeaxe. Ademais, como consecuencia do acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE en xaneiro do 2020, os orzamentos do Estado incluíron unha partida para bonificar as viaxes de volta dos usuarios a AP-9 nun 50%, polo que a formación nacionalista considera que o goberno galego debería incluír polo menos unha medida similar nas autoestradas da súa competencia.

Por outra banda, o BNG de Bergantiños lembra que «a nosa comarca sufre un agravio e unha forte discriminación con respecto a outras zonas de Galiza que contan con autovías libres de peaxe (O Morrazo, O Salnés, Barbanza, Santiago-Brión)». Unha situación que provoca «efectos negativos na mobilidade das persoas de Carballo e do resto de Bergantiños e da Costa da Morte que teñen que desprazarse á Coruña por motivos laborais, de estudos ou sanitarios». Ademais, o partido sinala que a peaxe é «un lastre para a competitividade das empresas» provocando que se incremente o tráfico nas travesías urbanas da AC-552 así como a inseguridade viaria; motivos polos que desde o BNG tamén demandarán na proposición non de lei que se estude o rescate das concesións das dúas autoestradas de titularidade autonómica.