O BNG reclama no Parlamento un cuarto xulgado para Carballo

PEXELS

  • Sinala que os xulgados de Carballo, Viveiro, Ribeira e Vilagarcía de Arousa está desatendidos e conxestionados

O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei na que insta á Xunta de Galicia a realizar as xestións oportunas para dotar de novos xulgados mixtos os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo. Tamén solicitan que o ente autonómico manifeste a súa oposición a calquera modificación normativa ou decisión gobernamental que poida implicar a supresión ou redución das competencias dos partidos xudiciais existentes.

Na exposición de motivos, os deputados nacionalistas indican que dende o ano 2010 non se crearon novos xulgados en Galicia agás no 2017 en Ferrol, Ourense, Vigo e A Coruña. Desde o BNG consideran isto unha situación preocupación ademais de ser unha «clara expresión dunha estratexia deliberada e planificada dirixida á concentración da actividade xudicial nas denominadas sete grandes cidades».

A desatención aos partidos xudiciais das cidades medias e vilas galegas como Carballo non é unha apreciación en exclusiva do BNG. Na sesión do 26 de febreiro do 2021, o Pleno da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia propón a creación de novas unidades xudiciais, entre elas o xulgado mixto número 4 de Carballo, por considerar que responden a necesidades mínimas e esenciais.

Dende o bloque nacionalista sinalan que a Xunta non asumiu a proposta realizada polo máximo órgano de goberno da xudicatura en Galicia e, como resultado desa «desatención», os xulgados mixtos anteriormente mencionados presentan «unha taxa de conxestión superior á media estatal e galega, pouco compatible cunha boa prestación do servizo público, e cun ingreso de asuntos na vía civil superior ao módulo aprobado, con carácter orientativo, polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha