O BNG reclama priorizar o mantemento do emprego como solución de futuro para Barreras

Carmela González, BNG.

O Bloque Nacionalista Galego reclama fixar como prioridade o mantemento do emprego en Barreras, após a resolución da administración concursal sobre a venda do estaleiro vigués. A fronte nacionalista reitera a demanda dun plan de futuro para Barreras e para o sector da ría de Vigo e advirte que o remate do proceso concursal non pode traducirse na liquidación de boa parte dos postos de traballo e da actividade produtiva.

“Nunha cidade como Vigo na que perdemos miles de empregos industriais nos últimos anos non podemos permitirnos perder un só posto de traballo máis”, declarou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que insistiu no carácter “estratéxico” do sector naval para a economía viguesa.

Desde o BNG lamentaron a “parálise e a inacción” da Xunta do Partido Popular durante todo o proceso, cando está en xogo unha peza chave da industria de Vigo. “E fronte a esta situación de crise industrial e do emprego, o Goberno galego continúa sen aportar ningunha solución para garantir a viabilidade do sector naval”, denunciou González, que acusou á Xunta de agravar a situación do estaleiro con “parches” como no caso de Pemex.

A deputada nacionalista afeou tamén que o PP teña rexeitado as numerosas iniciativas e propostas realizadas polo Bloque para apuntalar o futuro do sector naval. “Medidas que pasan, en opinión do BNG, por unha decidida intervención pública que fixe como prioridade o mantemento do emprego e da actividade produtiva”, demandou.