O BNG reclama que a Xunta fiscalice as subvencións a Ilunion ante as denuncias de explotación laboral

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego reclama que a Xunta fiscalice as subvencións a Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, diante das denuncias do persoal pola explotación laboral e a precariedade que sofren os 620 traballadores e traballadoras empregadas no sector da automoción en Vigo. A fronte nacionalista trasladará ao Parlamento galego as demandas do persoal, que se vén mobilizando na cidade durante os últimos días.

Desde o Bloque criticaron que esta modalidade de contratación, encamiñada á integración laboral das persoas con discapacidade ou diversidade funcional e cada vez maior peso no sector da automoción viguesa, se teña convertido na práctica nunha fórmula para precarizar as condicións laborais. «É absolutamente inaceptábel que, como están a denunciar organizacións sindicais como a CIG, se estea a consentir que traballadores e traballadoras por teren a condición de discapacitados perciban menos salario –cobran o salario mínimo- por facer o mesmo traballo», subliñou Igrexas. Ademais, o persoal, que esixe a aplicación do convenio do sector para equiparar as condicións laborais, denuncia que tampouco reciben a formación que a lei fixa como obrigatoria nestes contratos.