O BNG reclama unha transición enerxética xusta para As Pontes


A petición formal de ENDESA ante o Goberno do Estado para pechar a planta das Pontes non fai máis que confirmar a crise do sector industrial de Galiza, “que está costa abaixo e sen freos”, en palabras da portavoz parlamentaria de industria do BNG, Noa Presas, e contra a que nada valen “as roldas de prensa absolutorias ou os powerpoints sen contidos do goberno de Feixóo”.

Por contra, o BNG reclama unha actuación inmediata que teña como obxectivo conseguir unha transición enerxética xusta para As Pontes e comarca. A pregunta de “tras o peche de ENDESA que?”, Presas resposta poñendo sobre a mesa propostas concretas ante un PP-PSOE “que até agora non fixeron máis que xogar ao pim-pam-pum con Galiza”.

De forma inmediata hai que compensar a Galiza polos fondos deixados de percibir ao longo destes anos de exclusión do plans estatais do carbón, unha cantidade mínima de 258 millóns de euros. “Igualdade de recursos en todos os fondos, tanto do Estado como a nivel europeo a través do programa European Green Deal, como xa reclamou o Bloque en Bruxelas a través da portavoz europea Ana Miranda”, salientou Presas.