O BNG reclamará no Pleno de Vigo a fin dos recortes e privatizacións do PP na sanidade pública

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno de Vigo o «punto e final» das políticas de recortes e privatizacións do PP na sanidade pública. O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou a moción á sesión plenaria do vindeiro xoves cunha batería de 13 medidas concretas para esixir melloras urxentes na área sanitaria, dotándoa de máis medios económicos, materiais e humanos e revertendo o «negocio» do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) e do concerto con Povisa.

«O Goberno de Rueda persiste nos recortes e nunha maior privatización sanitaria a pesar do clamor case unánime da sociedade viguesa que, nos últimos anos, reclamou con mobilizacións masivas unha rectificación completa», lamentou Igrexas, quen afeou que un ano máis o PP rexeitara as emendas nacionalistas aos Orzamentos da Xunta para 2024 nas que se recollía un incremento substancial dos recursos para a sanidade pública.

O portavoz do BNG denunciou as «importantes insuficiencias e deficiencias» que padece a rede sanitaria pública en Vigo a causa destas políticas do PP, cunha crecente desatención, peor calidade asistencial e condicións laborais precarias entre as e os profesionais sanitarios. «536 pacientes nun só día nas Urxencias do HAC, esperas de até 3 horas no PAC de Pizarro, case 2 semanas para ter cita coa médica de familia ou pediatra, máis de 8.500 persoas nas listas de espera para unha cirurxía e apenas 6 ambulancias de soporte vital básico (3 de noite) e 2 de soporte avanzado en toda a cidade», detallou.